Añadir esta página a favoritos
CUENTOS CLáSICOS
CUENTO XENTE ESPELIDA (por Hermanos Grimm)
Colleu un día un labrego un caxato que tiña nun recanto e díxolle á muller:

—Maruxa, vou saír e non estarei de volta ata dentro de tres días. Se se presenta o tratante de gando e quere merca-las nosas tres vacas, podes venderllas, pero que che dea polo menos douscentos reais, ¿ entendido?

—Vaite con Deus, meu home –dixo ela– que así o farei.

—¡Farás, farás! Cando eras nena –engadiu o labrego– caíches de cabeza no chan e aínda che dura o efecto do golpe. Pero avísote ben: como fagas algunha parvada... ¡póñoche o lombo morado, e non con pintura, senón con este caxato que levo na man, e conta con que che dure a cor un ano enteiro! –e marchou.

Á mañá seguinte presentouse o tratante de gando, e a muller non tivo que molestarse moito en convencelo. Unha vez que viu as vacas e escoitou o prezo dixo:

—Pagarei iso a gusto, xa quen ben valen isto. Levarei os animais comigo agora mesmo.

Desatou a corda das vacas e botounas fóra da corte. E cando estaba a piques de saír pola porta do curral, agarrouno a muller por un brazo e díxolle:

—Ten que me pagar primeiro os douscentos reais, senón non podo deixalo marchar.

—Ten razón, pero esquecín colle-la bolsa dos cartos. Aínda así non se preocupe, para que quede tranquila déixolle unha vaca de fianza e levo as outras dúas comigo. ¡Así terei que volver por ela!

A muller convenceuse, deixouno marchar cos animais e pensou: "Que contento se vai poñe-lo meu Xan cando vexa que bo negocio fixen".

Ó terceiro día, o labrego regresou tal e como prometera, e o primeiro que fixo foi preguntarlle se vendera as vacas. A muller contestou:

—Claro que si, Xan, e como ti dixeras, por douscentos reais. En realidade non valen tanto, mais el aceptou sen dar un chío.

—¿E onde están os cartos? –preguntou o labrego.

—Aínda non os teño –contestou–. O home esquecera a bolsa pero vaimos traer pronto. Deixoume unha boa fianza.

—¿Que fianza? –interesouse o labrego.

—Unha das tres vacas –explicou a muller–, e non a terá ata que pague as outras dúas. E, como fun espelida, quedei coa máis pequena que é a que menos come.

O home púxose rubio coa rabia, colleu o seu caxato e xa lle ía propinar a prometida tunda, cando baixou de repente o brazo e dixo:

— E-la muller máis parva que hai debaixo das estrelas, pero dásme pena. Hei saír ó camiño durante tres días e esperarei a ver se atopo alguén máis parvo ca ti. Se é así, non che pasará nada, pero senón levara-lo teu merecido.

O labrego saíu ó camiño, sentou nunha pedra e esperou a ver qué pasaba. Entón viu chegar un carro de bois conducido por unha muller que ía de pé enriba del, en vez de ir sentada na palla que levaba ou camiñando de par das bestas e guialas. O home pensou: "Esta debe ser desas que eu busco"; brincou do sitio e púxose a correr coma un tolo, dun lado para outro, diante do carro. A muller preguntoulle:

—¿Que quere, compadre? Non o coñezo, ¿ de onde é?

—Caín do ceo –contestou o home– e non sei cómo hei regresar. ¿Non me podería levar vostede?

—Eu non –dixo a muller–, que non sei o camiño. Pero se vostede vén do ceo, ben seguro que coñece o meu home, que xa vai para tres anos que está alí. ¿El non o vería?

—Pois claro que o vin, aínda que non lle pode ir ben a todo o mundo, ¿non si? El ten que coida-las ovellas e danlle moito traballo. Escapan por aí, pérdense por entre os outeiros e ten que correr tras delas para xuntalas. Xa racharon as roupas que levaba, e está a piques de quedar nu. Tampouco hai xastres no ceo para remenda-lo asunto. ¡E San Pedro non deixa entrar a ningún, como xa saberá polos contos!

—¡Quen o ía pensar! –exclamou a muller–. ¿ Sabe que? Vou colle-lo seu traxe dos domingos, que aínda está colgado no armario, para que vista como Deus manda. A vostede seguro que non lle importa levarllo.

—Non, non pode ser. Non se permite levar roupa ó ceo e, de feito, xa a requisan na porta.

—Escoite. Onte vendín un bo trigo e teño uns cartiños que lle quero mandar. Se vostede agocha ben a bolsa no seu peto, ninguén se ha decatar.

—Ben, pois se ten que ser, será. Cumprireille o gusto –dixo o labrego.

—Sente aquí que vou colle-los cartos á casa e volvo nun instante. Eu non sento na palla, vou de pé para que os animais bestas leven menos traballo a tirar –dixo a muller, aguilloando os bois.

Entrementres, o labrego pensaba para si: "Esta muller non é moi ben dada. Se me trae os cartos, ten sorte a miña muller que se salva dunha tunda". Non tivo que esperar moito ata que a muller regresou correndo cos cartos, púxollos no peto ela mesma e, antes de marchar, agradeceulle moitísimo a súa amabilidade.

Cando ela volveu para a casa, encontrou o seu fillo que viña de traballar nas leiras. Contoulle a súa extraordinaria experiencia e engadiu:

—Alégrame atopa-la oportunidade de mandarlle algo ó meu pobre home. Quen podería imaxinar que ía ter falta de algo no mesmísimo ceo?

—Miña nai –dixo o fillo, marabillado pola historia–, non vén alguén do ceo tódolos días. Vou saír agora mesmo e ver se aínda está alí. Quero que me conte cómo é o ceo e cómo funciona aló o do traballo.

Púxolle a sela ó cabalo e partiu a toda présa. Encontrou ó labrego sentado debaixo dun salgueiro, que se dispoñía a conta-los cartos. O rapaz preguntoulle:

—¿Vostede non vería o home que caeu do ceo, verdade?

—Si –contestou o labrego. Xa emprendeu o camiño de volta, e acaba de subir a aquela montaña, de onde xa lle queda preto o ceo. Se apura, ó mellor aínda pode collelo.

—¡Ai! Estou mallado de traballar todo o día, e a viaxe ata aquí fatigoume moito. Vostede coñece o home, ¿non si? Se fose tan amable, eu deixaríalle o meu cabalo e vostede podería convencelo para que volvese ata aquí.

O labrego pensou: "Este é outro con menos cerebro ca un mosquito". E dixo:

—¿E por que non o ía compracer? –e marchou galopando a toda présa co cabalo.

O rapaz esperou ata o solpor, pero o labrego non regresou. Entón pensou: "Seguramente o home do ceo tiña présa e non quixo volver. O labrego daríalle o cabalo para meu pai". Volveu para á casa, e contoulle a súa nai o que pasara.

—O cabalo –explicou– mandeillo ó pai para que non teña que andar a correr seguido.

—¡ Ben feito! –exclamou a nai–. Ti aínda es novo, e ben podes ir a pé.

Cando o labrego chegou á casa, atou o cabalo na corte, de par da vaca da fianza, foi onda a muller e díxolle:

—Maruxa, tiveches moita sorte. Encontrei dúas persoas aínda máis parvas ca ti. Por esta vez, non che arreo –acendeu unha pipa, sentou no arrandeadoiro e seguiu– gardareino para outra ocasión. Fixen bo negocio: por dúas vacas fracas, un bo cabalo e unha bolsa chea de cartos. ¡Se a estupidez proporcionase sempre tanto, ben me dignaría a honrala!

Así pensaba o labrego, pero vós seguro que lle queredes mellor á xente simple.


Lección / Moraleja:
Mandanos tu propia interpretación!!y la incluiremos.gracias.
OTROS CUENTOS DE Hermanos Grimm
Cuentos Infantiles, audiocuentos, nanas, y otros en CuentoCuentos.net © 2009 Contacta con nostrosAviso Legal

eXTReMe Tracker

La mayoría del material de CuentoCuentos.net es proporcionado por nuestros usuarios, proveniente del grandísimo almacén que es la red. Si considera que alguno del material expuesto vulnera sus derechos y/o prerrogativas, le rogamos que nos lo comunique contactando con nosotros